Un de cada cinco menores en Europa é vítima de violencia sexual, segundo sinala a asociación Amino Galicia, facendo referencia a estatísticas de Unicef e a Organización Mundial para a Saúde (OMS). Para combater esta problemática a través da prevención e a detección, esta asociación impulsou o proxecto Poñendo os lentes, que busca levar a campaña do Consello de Europa para a prevención da violencia sexual contra a infancia Un de cada cinco aos centros de educación infantil e primaria das sete cidades galegas. Co propósito de sumar voluntarias e voluntarios a esta iniciativa, as responsables deste proxecto ofrecen nas xornadas de hoxe martes e mañá mércores na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte dous coloquios dirixidos a presentar esta iniciativa e a abordar a problemática dos abusos sexuais.
“Estas xornadas tratan sobre todo de concienciar ao alumnado de Ciencias da Educación de que o abuso sexual existe e que é moi necesario que os profesionais que traballan con menores estean formados”, sinala Isabel Pece, coordinadora de Poñendo os lentes no sur de Galicia, que na tarde deste martes protagonizou xunto a Bibiana Araújo, a coordinadora para a zona norte, a primeira das dúas presentacións que esta organización leva a cabo no campus. O obxectivo desta iniciativa, sinala, é presentar ao alumnado “este proxecto pioneiro en España”, que se desenvolverá ata 2020, período no que proxectan achegar formación para a prevención e a detección da violencia sexual contra a infancia a máis de 350 centros educativos das sete cidades galegas. Un labor que levarán a cabo grazas á colaboración do alumnado que se sume como voluntario á iniciativa, que será o que se encargue de trasladar esta iniciativa aos diferentes colexios. Con ese propósito, Amino leva a cabo, coa colaboración das tres universidades galegas, unha serie de presentacións nas diferentes facultades de Ciencias da Educación de Galicia, que arrincaron en setembro na Escola Universitaria CEU de Vigo, centro adscrito á Universidade de Vigo, “grazas á que xa contamos con máis de 50 voluntarios e voluntarias” e que nestes días ten en Pontevedra a súa segunda parada.
Desmontando “falsos mitos” sobre a violencia sexual
Á vez que para presentar esta iniciativa, o coloquio serviu tamén para abordar co alumnado unha serie de “falsos mitos” sobre os abusos sexuais á infancia, como apunta Pece, que incide en que a campaña leva o título de Un de cada cinco para pór de relevo esa porcentaxe do 20%, “que é unha cifra escandalosa”. Nese senso, a representante de Amino subliñou que a violencia sexual contra a infancia “é moito máis frecuente e está moito máis presente do que a xente se poida imaxinar, que non é algo marxinal, senón algo que ocorre en toda clase de familias, de diferente condición social e económical”.
Formación para alumnado e profesorado
Segundo explica Amino, as persoas que se inscriban como voluntarias neste proxecto realizarán unha formación específica online, a través do programa Nos haces falta: Programa de Formación Especializado de Voluntariado Social para la Atención a la Infancia y Adolescencia en Riesgo, desenvolto e acreditado pola Federación de Asociacións para a Prevención do Maltrato Infantil (Fapmi). Unha vez completado, asignaranse aos e ás participantes os centros educativos nos que, por parellas, levarán a cabo unha xornada de difusión da campaña, dirixida a achegar ao profesorado unha serie de nocións básicas para a detección do abuso sexual infantil. O obxectivo, sinala Pece, é que voluntarios e voluntarias “lles comuniquen aos profesores o que teñen que facer se sospeitan que un dos seus rapaces pode estar sendo vítima de abusos e lles trasladen unha serie de indicadores nos que se teñen que fixar nos nenos para a detección”, á vez que lles achegarían unha serie de materiais didácticos cos que poder traballar na prevención dos abusos nas aulas.
Fuente: Diario da Universidade de Vigo